APRENDIZAXE EN GRUPOS COOPERATIVOS

Plan de Formación en Centros do CEIP A Rúa
Curso 2009-2010

16 dic 2010

Presentación das parellas

Hoxe tivo lugar a presentación das parellas de padriños/madriñas e afillados/as. Fixémolo na hora de ler. Os de 6º foron á clase dos de 1º e alí formamos as parellas. Despois estiveron uns minutiños charlando para empezar a coñecerse, como podedes ver nas fotos:



As sensacións foron boas e todos saíron moi contentos. Pronto teredes máis noticias contadas por eles mesmos. Á volta das vacacións, comezaremos coa lectura.

Felices Festas!!!

13 dic 2010

Visita de alumnos/as da ESO

Como parte da experiencia de Apadriñamento Lector, tivemos a sorte de contar coa visita de nove alumnos e alumnas de 2º da ESO do Instituto de Rodeira. Viñeron a expoñer o traballo que fixeron o ano pasado sobre o libro USHA de María Reimóndez, que estamos lendo en voz alta nesta primeira fase de preparación.

Despois da exposición, que prepararon de xeito voluntario fóra do seu horario lectivo, léronnos en voz alta varios capítulos do libro, primeiro en pequenos grupos e despois para toda a clase, converténdose así nos nosos padriños e madriñas simbólicos. Tendes fotos e máis información no blog de Auladiver.

Aquí vai un vídeo cun momento da lectura:




Moitas grazas aos alumnos e alumnas da ESO pola visita e noraboa polo voso traballo!!!

6 dic 2010

Apadriñamento Lector

Estamos poñendo en marcha unha actividade de aprendizaxe cooperativa baseada na Titoría entre Iguais. O Apadriñamento Lector consiste en que cada alumno/a de 6º curso apadriñe ou amadriñe a través da lectura a un neno/a de 1º curso. Na hora de ler dos venres, os alumnos/as maiores elixirán un conto e leranllo aos pequenos. O que pretendemos é, por unha parte, mellorar o proceso lector tanto nos titores (padriños e madriñas) como nos titorandos e, por outra parte, fomentar as relacións de convivencia entre grupos de distintas clases.

O programa consta de catro fases:

1. Período de formación dos titores: É na que estamos neste momento. A principios de novembro, comentámoslle ao alumnado de 6º a posibilidade de iniciar esta experiencia, insistindo na responsabilidade que conlevaba e nas repercusións positivas que podiamos obter tanto no seu proceso lector como no desenvolvemento da aprendizaxe nos nenos/as de 1º, así como a importancia que podía ter en canto a favorecer a relación e a convivencia entre cursos. Como se mostraron de acordo, iniciamos un período de formación ofrecéndolles un modelo lector en canto a entoación, volume, pausas, ritmo... e demais aspectos involucrados na lectura en voz alta. A profesora de PT, elixiu un conto adaptado ás idades dos alumnos/as de 6ª e llo está lendo na hora de ler dos mércores e dos venres, contestando ademais a todas as dúbidas que lles van xurdindo sobre o apadriñamento.

2. Formación das parellas lectoras: Ao mesmo tempo, o profesorado implicado (Antonio, titor de 6º; Chus, titora de 1º; Rosana, profesora de PT) irá establecendo as parellas en función do rendemento académico en lingua, das actitudes e aptitudes lectoras, e das características persoais do alumnado, de xeito que as parellas sexan o máis equilibradas posibles en todos os aspectos.

3. Implantación do programa: Na primeira sesión presentaránse as parellas e compartirán uns momentos para coñecerse. Cada parella recibirá un carné no que ademais dos seus nomes, irán anotando as lecturas que vaian facendo así como calquera información do proceso que consideren relevante. Nas posteriores sesións, a metade do alumnado de 6º se desplazará á aula de 1º, e viceversa, e os de 6º comezarán co apadriñamento lendo contos e axudándolles aos de 1º no seu proceso lector. Haberá unha profesora en cada aula para contestar ás dúbidas e axudar ao alumnado que o precise.

4. Avaliación: Partimos dunha avaliación inicial en canto ao proceso lector que parte da primeira avaliación de 1º e 6º nas áreas de Linguas. Levarase a cabo unha avaliación continua durante o desenvolvemento do programa, que nos permita modificar os aspectos que sexan necesarios. A finais de maio, haberá unha avaliación final para determinar o grao de consecución dos obxectivos propostos.